Sotelo e o Celta: Nunca choveu que non escampara
Foto: Getty Images
Cinco días despois de que o Celta decidise relegar a Hugo Sotelo ó Fortuna, a situación tórnase favorable cara a posible renovación. A vontade de Sotelo de continuar en Vigo foi clave neste cambio de escenario.
Cinco días despois de que o Celta de Vigo decidise baixar ao Fortuna a Hugo Sotelo pola ruptura das negociacións para a súa renovación, a situación parece que se foi encamiñando nas últimas horas. As conversacións retomáronse e o mediocentro vigués está máis preto de ampliar o seu contrato e quedar no Celta, regresando ao primeiro equipo. A vontade do xogador de continuar en Vigo parece ser o elemento clave para entender este cambio de escenario, aínda que inda queda un longo camiño por percorrer antes de que se asine o acordo.
O pasado luns, o Celta Fortuna comezou a traballar e a gran sorpresa foi ver a Hugo Sotelo entre os xogadores dispoñibles para Fredi Álvarez. A razón da súa presenza era que as negociacións estaban estancadas e os axentes do xogador pedían cantidades que o clube consideraban desorbitadas para a renovación do contrato. Con todo, hoxe sóubose que a situación cambiou. O Celta, Hugo Sotelo e Bahía Internacional, a súa axencia de representación, retomaron o diálogo e achegaron posturas. Salvo un novo xiro inesperado, espérase que se chegue a un acordo máis pronto ca tarde. O xogador xa manifestou a súa firme intención de seguir en Vigo.
Sotelo, que tivo ficha do equipo B a pasada tempada, está no seu último ano de contrato, que finaliza en xuño de 2025. Por esta razón, o Celta tomou unha decisión drástica, xa que corría o risco de perder a unha das grandes promesas da nova remesa que ten na súa canteira. Agora, a situación parece máis favorable, pero aínda queda un considerable camiño por percorrer nas negociacións.