Previa Celta Fortuna – Barakaldo | O inicio dunha nova era
Foto: RC Celta
O Celta Fortuna vén dunha tempada na que terminou cuarto con 65 puntos, rozando o terceiro posto que se quedou o filial do FC Barcelona na última xornada. Na casa, o equipo vigués mostrouse imparable: cinco partidos baixo o mando de Fredi Álvarez e cinco goleadas consecutivas. Balaídos é un auténtico fortín, e os celestes queren manter esa serie positiva. Este ano, o obxectivo é claro: mellorar fóra de casa e, por que non, pelexar polo ascenso ata o final.
O filial celeste ven de facer unha pretempada espectacular. Manteronse invictos. Gañaron a equipos como o Lugo, UD Ourense e Arousa, e empataron co Coruxo e Racing de Ferrol. Fredi Álvarez soubo mover as pezas e, aínda que o filial perdeu algúns nomes importantes que subiron ao primeiro equipo ou se marcharon a categorías superiores, chegaron reforzos como Marc Vidal, Iván Garriel, Johan Guedes, Emi Rodríguez e Jordi Escobar. Ademais, os rapaces das categorias inferiores están máis que preparados para dar o salto. Coidado con este Celta Fortuna.
No primeiro partido oficial da tempada 2024/25, terán enfronte ao Barakaldo CF. Con Imanol de la Sota ao mando, os gualdinegros chegan tras un ascenso épico, remontando un 3-1 en contra en Alicante e selando o billete á Primeira RFEF cun 2-0 en Lasesarre. Na pretempada mostraron garra e solidez, con catro vitorias, un empate e dúas derrotas. Demostraron que non están aquí para ser unha comparsa. Van ir a por todas desde o primeiro minuto.
Así que xa o saben, preparen os flocos de millo porque vén un auténtico choque de trens en Balaídos. Dous equipos con fame, dous estilos diferentes, pero un mesmo obxectivo: empezar con bo pé. ¿Quen levará os tres puntos?