O Celta B xogará os play-off
Foto: RC Celta
Unha derrota moi doce sufriu esta tarde o Celta B en Ferrol, pois o empate do Linares permítele ao filial clasificarse para o play-off de ascenso a Segunda División
O equipo vigués aguantou a primeira parte sen encaixar goles, mentres que dende Linarejos chegaban malas noticias co gol do clube co que loitaba pola quinta praza, o Linares. Con todo, o San Fernando empatou antes do descanso, co que ao Celta B xa lle servía mesmo con perder na Malata para conseguir un obxectivo que nin imaxinaba o equipo que adestra Claudio Giráldez cando na xornada undécima ocupaba postos de descenso. Na segunda metade, o Racing aproveitou a expulsión de Iván López para dobregar a un rival que reclamou un penalti por unha man que o árbitro sancionou como falta fora da área ferrolá. A pesar dos dous goles en contra, desde Andalucía seguían chegando boas noticias para o filial céltico, que via como A Malata celebraba ao grande o ascenso do seu equipo e eles esperaban no seu banco a que finalizase o partido de Linares. Minutos despois, a alegría tamén estalou entre os célticos e o céspede do Racing converteuse nunha festa completa. É máis, xogadores e técnicos do Celta B mesmo formaron un corredor para felicitar e render homenaxe ao equipo galego que ocupará a praza en Segunda que deixou vacante o Lugo.
O Celta B festexando na Malata
“Parece que o guion escribiuno a Xunta”, manifestou Giráldez ante as cámaras da Televisión de Galicia. O técnico de Porriño foi o artífice dun éxito maiúsculo dun equipo infestado de canteiráns moi novos e sen experiencia na terceira categoría do fútbol español. Pero o traballo non acabou para o equipo vigués, pois agora espéralle a primeira das dúas eliminatorias do play-off para tentar o ascenso a Segunda División. Medirase ao Eldense que primeiro terá que ir a xogar a Vigo.