Pablo Durán Celta de Vigo

Pablo Durán: «Dedícolle ao fútbol as 24 horas do día e coido cada mínimo detalle»

Foto: RC Celta

«Villa foi a persoa que máis de axudou e me cambiou a vida», di o dianteiro do Celta do seu axente, a quen coñeceu no Porriño de Preferente en tempo de pandemia.

 

(La Voz de Galicia) Pablo Durán Fernández (Tomiño, 2001) vive o seu particular conto de fadas. Hai seis anos, xogaba en Preferente do Porriño e dende entón, avanzou cinco categoría para chegar á elite. O dianteiro do Celta di que é froito do traballo, de toparse no camiño cun axente como Villa, que lle cambiou a vida, e cun adestrador como Claudio Giráldez, que lle ensinou, tivo paciencia e apostou por el. Tamén por uns coidados máximos para espremer o seu corpo e mellorar día a día. Por iso di que a súa dedicación ao fútbol é de 24 horas ao día, dun xeito literal, prestando especial atención a todo tipo de coidados.

 

Chegar ao primeiro equipo é un premio ao seu traballo?

Sobre todo, é ilusión por estar aquí e formar parte deste club nesta categoría, que é o que todos desexamos cando somos cativos. Pode ser que sexa un agasallo polo traballo, pero penso que hai moitas cousas detrás.

 

Que cousas?

Sobre todo, moito traballo. Eu ao fútbol dedícolle todo o día, estou pensando no fútbol as 24 horas e coido cada mínimo detalle. Logo, téñense que dar circunstancias como que un adestrador aposte por ti e ese tipo de cousas.

 

Di que dedica as 24 horas ao fútbol, que se coida moito, que fai aparte do adestramento?

Se conto todo o que fago, chámasme tolo. Penso que unha das cousas máis importantes é o descanso, durmir as oito horas, deitarme as dez e media, levantarme ás sete e media da mañá, moi boa alimentación, boa hidratación, métodos de recuperación, presoterapia, auga fría… Tamén repaso os vídeos que miramos no adestramento e anoto aspectos para mellorar e chegar ao partido cunha idea clara do que quere o adestrador e o que me podo encontrar.

 

Tamén unha cámara de hipoxia.

Teño a cama, unhas gafas de bloqueo de luz azul, a pulseira que mide o sono… teño bastantes cousas. Nada é máxico pero fago todo o que estea na miña man para tratar de ser mellor xogador.

 

O obxectivo era chegar ao primeiro equipo, pero seguro que non para aquí a cousa.

Os obxectivos non quedan en chegar aquí, agora é cando máis traballo hai que facer e máis hai que apertar para tratar de estar aquí moitos anos.

 

Terá ganas de xogar os seus primeiros minutos.

Moitas, pero os tempos son os tempos e hai que ter paciencia. Hai xogadores dos que teño que aprender moito.

 

Agora, con dous partidos en tres días, pode ser unha boa oportunidade, en teoría.

A oportunidade pode ser calquera día e eu trato de aproveitalas todas ao máximo para mellorar e para ter o maior número de minutos posibles durante a tempada.

 

Que lembra do seu debut en Almería?

Non foron moitos minutos, pero na miña cabeza si. Acórdome de mirar para os lados e dicirme: ‘Pablo, estás xogando en Primeira, isto é unha loucura’. Lembro que estaba Iago no campo e a verdade é que é un recordo que terei de por vida seguro.

 

Logo veu aquel partido de Copa diante do Algar de Preferente no que o quitan no minuto 34. Aquilo foi un pau?

Nese momento nin agora penso que fose o pau. Máis que iso, foi aprendizaxe a longo prazo. Son experiencias que penso que hai que vivir para medrar como persoa e futbolista, e tamén agradecido por saír de titular, que foi unha ilusión terrible.

 

Agora supoño que o cambio é radical, non?

Moito. Ves medrando, cada semana vas aprendendo cousas novas, traballas, vives experiencias, xogas partidos importantes, creo tamén que a nivel de madurez e a nivel táctico son outro xogador.

 

Cando estaba no Porriño pensaba en dedicarse a outra cousa?

Cando acabei nas categorías inferiores do Tomiño, díxenlle á miña familia que quería intentar probar en Preferente e o adestrador que tiña conseguiume unhas probas no Porriño; estaba pensando en intentar quedarme e ter algúns minutos, aínda que pensaba que non me ían coller. Daquela pensaba se me podía chegar algún Terceira, pero era consciente de que era moi complicado. Estaba estudando e o fútbol era un pasatempo.

 

Villa, o seu representante, cambioulle a vida?

Sen dúbida. Xunto ao apoio da miña familia foi o que me cambiou a vida. Hai adestradores de por medio que me deron un empurrón, pero a persoa que me fixo estar aquí é Villa, sen dúbida. El fixo un seguimento meu no Porriño indo a moitos adestramentos e partidos e logo fixo os seus malabares e meteume no Compos. Seguro que se el non chega a estar comigo eu non acabaría aí nunca. O paso do Compos ao Celta tamén foi moi importante. Villa é a persoa que máis me axudou e me cambiou a vida. Xa llo dixen e estoulle agradecido de por vida.

 

É certo que se coñeceron en plena pandemia e o seu axente tiña que facer malabares para poder seguilo.

Si. Para ver os adestramentos tivo que pedir permisos porque era tempada de covid e era moito máis complicado estar presenten naqueles adestramentos restrinxidos.

 

«Claudio fíxome bo xogador, tivo moita paciencia»

 

 

 

Non esconde Pablo Durán que o adestrador Claudio Giráldez é outra persoa esencial na súa vida deportiva e no seu crecemento como futbolista.

 

Que lle ensinou Claudio?

Claudio fíxome bo xogador, fíxome sentir importante, soubo medir os tempos moi ben comigo e, sobre todo, o seu corpo técnico tivo moita paciencia comigo á hora de axudarme. Chego ao Celta logo de pasar polas categorías inferiores do Tomiño, Porriño e Compos, equipos nos que aprendín moitas cousas pero outras non, como o sistema de xogo de Claudio e todo ese tipo de cousas máis tácticas, nas que estaba máis perdido, tivo moita paciencia. Ensinoume moitas cousas e aínda mas segue ensinando. Estoulle moi agradecido.

 

Este verán tiña os dous pes fóra, ao final porque decide quedar?

Villa fai un traballo impecable e eu non teño moita información para volverme tolo. Sabe o que me ten que dicir. Pero para quedar aquí non fixo falta nada. Se había unha mínima posibilidade de quedar e pelexar por ter algún minuto ao longo da tempada, eu quería estar aquí. É o Celta, é o equipo da miña vida.

 

É un auténtico reto cos «miuras» quen ten nos postos nos que pode xogar vostede.

É un reto, pero tamén unha aprendizaxe e ao final aprender deles, seguir coa mentalidade dun neno, de escoitar a todos e así serei mellor xogador e terei máis posibilidades de ter minutos. Hai xogadores moi bos con moito nome neste Celta, pero o que quero é aprende deles e mellorar.

 

Que lle di Iago Aspas?

Moitas cousas. É Iago, todo o que di trato de absorbelo e levalo a cabo porque é o deus.

 

Como ve a Douvikas e Borja como competencia directa?

Son uns xogadores incribles, teño moitísimo que aprender deles e ademais, a nivel persoal, teño moi boa relación cos dous. Non son competencia de ninguén, veño facer aquí as cousas e aprender deles. Xa me ensinaron moito e espero seguir aprendendo durante toda a tempada.

 

Como ve o equipo e a tempada?

A tempada acaba de empezar e esperemos seguir polo mesmo camiño. Estamos con moitas ganas e con moita ambición.

 

O proxecto ten máis forza con tanta xente da casa?

Si. Estar no vestiario e estar con xente da casa fai todo máis natural. Ter o corpo técnico que estaba no B tamén é un exemplo para a xente que está en categorías inferiores, que se nós estamos aquí, eles tamén o poden estar nun futuro.

 

Como ve o partido co Valencia?

Con moita ambición. Esperamos atopar un ambiente similar ao do outro día, que foi incrible, e a polos tres puntos a morte. Temos moita confianza.

Post a Comment