O futbolista soberino Pablo Pérez ficha polo Real Club Celta
Foto: EFE
Pablo Pérez Freire, nova fichaxe para a canteira celeste. Formouse no Calasancio, xogou no Pabellón e agora estará cos cadetes do Celta.
(La voz de Galicia) O Celta de Vigo volve mirar á canteira monfortina. O club que preside Carlos Mouriño acaba de fichar ao futbolista do Pabellón, o soberino Pablo Pérez Freire. A nova promesa local incorpórase o 1 de agosto ao equipo cadete de División de Honor, cumprindo así un soño que perseguía desde neno.
«Estou moi contento por poder fichar polo Celta, algo que cando comecei a xogar ao fútbol parecía impensable e un soño. Pero traballando conseguino, e de verdade estou feliz», comenta o futbolista soberino.
Pablo tívoo claro nesta ocasión. E é que o Celta xa se dirixiu noutra ocasión ao futbolista para incorporalo á súa disciplina, pero os seus pais, Jaime e Beatriz, entenderon que entón aínda era demasiado pequeno para dar o salto. Agora son 15 anos, e o soberino cambia de aires. «Agora considérome máis maduro, e considero que me adaptarei perfectamente á residencia e ao colexio no que estudarei. Os meus pais non puxeron ningunha obxección, ao contrario, animáronme, porque queren o mellor para min, e saben o feliz que me facía fichar polo Celta», engade.
O xogador xa adestrou esta tempada en varias ocasións co club olívico, ademais de competir co Pabellón. E aí os adestradores do clube vigués déronse conta do talento e da proxección que ten Pablo. «É un paso máis na miña carreira futbolística e quero aproveitalo. Sei que en Vigo crecerei e madurarei como xogador e como persoa», asegura Pérez.
Á pregunta de se se imaxina no futuro xogando co primeiro equipo no estadio de Balaídos, o futbolista di: «Iso son palabras maiores, pero quero pelexalo, claro que si».
Pablo Pérez é un central con talento e cunha gran proxección. Destaca pola súa saída de balón, por ser expeditivo e polo seu liderazgo. Ademais tamén se pode prodigar como mediocentro, pero recoñece que está máis cómodo no centro da defensa.
Aos seis anos comezou a súa andaina no fútbol este prometedor central. Tras pelotear cos seus amigos e en ocasións sós por Vilaescura e xogar pachangas en Monforte, a nova promesa pediulle á súa nai que o inscribise no Calasancio. Fíxoo e incorporouse ao clube estudantil, no que se forxou como futbolista. Foron seis tempadas.
Despois fichou polo Pabellón, equipo co que se consagrou e no que se converteu nun dos seus referentes. O seu talento e as súas actuacións non pasaron desapercibidas para os responsables da canteira do Celta, que acaban de concretar a súa fichaxe.