Jairo Daponte celebra o centenario do Celta coa peza «Fillos de Breogán»
O músico vigués contou coa aportación de 15 vídeos achegados por afeccionados para a súa composición dedicada ao club, interpretada por Dana da Carballeira e Icko Viqueira
(La Voz de Galicia) Hai arredor dun mes, Jairo Daponte lanzou un chamamento ao celtismo. Xunto con outros músicos vigueses, estaba ultimando unha composición musical de homenaxe ao Celta de Vigo polo centenario, Fillos de Breogán, e buscaba a axuda da afección celeste para o videoclip da peza. Pedía clips de previas, viaxes, no estadio ou onde fose, sempre que reflectiran celtismo e emoción, dicía. Foron unhas quince persoas as que enviaron vídeos e onte publicouse por fin o resultado, que suscitou comentarios moi positivos nas primeiras horas desde que viu a luz.
Daponte destaca especialmente que lles chegaron brutos de gravacións da grada durante o último derbi freonte ao Deportivo en Primeira que eran pra utilizar no videoclip da emblemática canción de Keltoi! Unhas cores, un sentimento, e que lles cederon para utilizar no seu proxecto. Dana da Carballeira, de Mileth, e Icko Viqueira, de Aquelarre prestaron as súas voces a este proxecto.
Daponte, peñista de Irmandiños 1923, e abonado do do Celta dende cativo e presenta Fillos de Breogán coma unha homenaxe ao equipo da súa vida. Mestre de Música en Primaria e integrante de varias bandas en Vigo como Dysnomia, Sans Soleil, Unliving Sin ou Abrigo, el asumiu a composición, mentres que da produción, da mezcla e do vídeo encárgase Héctor Rodríguez, que tocou con el en Unlibing Sin e é o líder de Lontreira. Xuntáronse cinco músicos con idades comprendidas entre os 22 e os 35 anos. Daponte encárgase da guitarra e súmanse «frauta, da que se encarga Lucas; teclados, con Héctor, e percusión tanto tradicional coma moderna, así coma algún arranxo máis moderno».
O autor comentaba semanas atrás a Grada de Río que se trataba de «unha canción bastante clásica, pensada para ser moi cantable, que comeza de xeito máis ben relaxado e vai crecendo ata un final a coro buscando emular os cánticos do estadio. Na letra hai pequenas referencias a varios dos cánticos de Balaídos». Agora, xa dispoñible, cadaquén pode facer a súa propia descrición.
Pódese ver este himno non oficial na canle de Youtube de @abrigoyrefugio, ou mesmo aqui abaixo: