Giráldez: “Felices de estar onde estamos”
Foto: Diario Atlántico
O técnico do Celta B cre que o seu equipo xa cumpriu como aspirante ao ‘play-off’
(FdV) O Celta B xógase este sábado en Ferrol (A Malata. 19:30 horas) a clasificación para a fase de ascenso a Segunda División ante un Racing de Ferrol que figura como o principal favorito a levarse este premio a final de curso. O filial céltico afronta o reto coa tranquilidade de cumprir co obxectivo da permanencia, aínda que non renuncia a metas maiores: “Imos alí a estragar a festa, se podemos, pero oxalá que podamos celebrala os dous”, apuntaba onte Claudio Giráldez, técnico celeste.
En comparación co primeiro equipo, o Celta B goza dunha privilexiada situación. “Estamos tranquilos, gozando e cos rapaces escoitando reguetón, felices de estar onde estamos e con todo o positivismo do mundo. Temos unha situación privilexiada vendo como está a categoría, con nove equipos xogándose o descenso. Chegamos á última xornada quintos e dependendo de nós para xogar un play-off. Creo que podemos conseguilo e se non, a tempada foi un éxito”, sinala Giráldez.
Os célticos poderían clasificarse para a fase de ascenso mesmo cunha derrota en Ferrol se o Linares perde na última xornada. “Confío en nós. Temos unha oportunidade moi boa de meternos en play-off e só me céntro niso”, comenta o técnico de Porriño.
O Racing de Ferrol, pola súa banda, está obrigado a gañar para asegurarse o ascenso directo a Segunda. O Alcorcón ten un punto menos que os ferroláns. “Eles teñen unha presión engadida na súa casa de poder ascender directamente. Nós imos gozar. A presión está nos equipos que se xogan a categoría”, indica Giráldez, antes de analizar ao rival de mañá: “É un partido complicado para todos. O que se adiante no marcador vai ter unha liberación en canto á presión. Nós temos menos experiencia, pero nin con 40 anos se pode asumir este partido como un da décima xornada. Vai marcar moito como se inicie o partido e temos claro o que queremos facer. Imos ser valentes e despois decidirase en detalles”
Por último, Giráldez respondeu as palabras do deportivista Lucas Pérez, quen obviou ao filial céltico nunhas declaracións: “Imos pensar que foi un lapsus. Coñezo a Lucas, coincidimos na canteira do Atlético de Madrid hai anos, pero si que é certo, que todo o mundo se esquece un pouco do Celta B e, aínda que sexamos un filial, estamos na mesma categoría”
Video da canle oficial de YouTube do RCCelta