Giráldez: «Estamos nun momento igual de bo que hai unha semana ou dúas»
Foto: M.Moralejo
(La Voz de Galicia) O adestrador do Celta Fortuna, Claudio Giráldez, destacou na previa de recibir ao Deportivo que o seu equipo está «igual de ben» que antes de sufrir dúas derrotas consecutivas, algo que non lle pasou ata o de agora esta tempada. «Estamos nunha posición clasificatoria boísima, cunha enerxía e unha alegría no día a día que dá gusto», sinalaba antes de confirmar que non hai ningunha baixa nova, que recupera tras sanción a Javi Rueda e a Tincho Conde e que poida que Iván López se recupere a tempo da súa lesión. Hugo Álvarez está co primeiro equipo e, como sempre, desexa que xogue con eles, aínda que iso signifique non contar con el.
O técnico porriñés sinala que están ante «unha festa do fútbol galego», lembrando que serán tres derbis, pois tamén se enfrontan os xuvenís de División de Honor en Abegondo e o dos equipos de La Liga Genuine. «Imos coa máxima ilusión. Temos que gozalo e centrarnos no que pase no terreo de xogo, así estaremos máis pretode gañar». Admite que para os seus futbolistas non é un partido calquera. «É motivante, non fai falta dicirlles nada aos rapaces. Co ambiente, a rivalidade, moitos levan toda a vida enfrontándose ao Dépor, é un soño e un privilexio», aínda que hai que ter coidado para que «non haxa sobreexcitación».
Á pregunta de si será un duelo similar ao da primeira volta, respondía Giráldez: «Levarán o partido todo o máis físico, están a ser agresivos cara a adiante. É un equipo con talento, un persoal brutal, moito poderío». En canto a favoritismos, tras dicir o seu homólogo rival, ImanolIdiakez, que non os ve, afirma: «É difícil que nun partido de Primeira RFEF, estando o Dépor, non sexa favorito por historia, por orzamento, por todo. Tentaremos gañar sendo protagonistas, será de ti a ti como contra todos os equipos. Temos a lección da primeira volta de que podemos gañar».
Cre que a coincidencia dos dous partidos é un plus ao esperarse máis público do habitual no seu partido. «É unha proba boa para todos, para afrontar un partido con ambiente de Primeira e co rival, que ten moito nivel e vai mostrar a realidade de onde estamos», sostén. E non escatima en palabras de eloxio para o celtismo e a maneira en que se está volcando con eles. «Estamos orgullosos da afección, do seguimento por parte da masa social do club, de como se xerou unha bancada de animación (do filial) por primeira vez».
Ten claro que prefire Balaídos a Barreiro mesmo aínda que se saiba que as condicións do terreo de xogo non van ser as mellores. «Prefiro xogar en Balaídos, coméntoo cando o céspede non está ben porque o fútbol é un espectáculo e prexudícanos para ser combinativos e facer o noso fútbol con precisión». Espera que se poida dar coa tecla para liquidalo pero, en todo caso, lembra que o céspede prexudica a ambos e considera que «as dimensións garanten que se poida xogar».
Giráldez considera que ata o momento tiveron opcións de gañar todos os partidos, incluídos os dous últimos, nos que non puntuaron. «O outro día, se chagamos meter o penalti, creo que gañamos. Os rivais teñen as súas armas, non creo que non sacásemos os resultados por baixar o pistón ou non estar ao nivel. Hai días que se che atragantan», analiza.
Non descarta fichaxes no mercado e sobre a súa mensaxe da última derrota en Barreiro, sinalou: «Parece que estaba a botar unha rifa, estaba a tratar de explicar o día a día. Temos que ter os pés na terra. Creo que todos estamos aliñados, ás veces as ganas de chegar a máis confunden-nos. Amoloume facelo despois de perder, é unha mensaxe que hai que mandar».