Fortuna 4 – 0 Sestao: Fin á sequía
Foto: M. Moralejo
Os vigueses volven á zona de play off de ascenso grazas a un folgado triunfo ante o Sestao
(La Voz de Galicia) O Fortuna puxo fin á súa mala serie ao grande. Cun excelente segundo tempo no que lle endosou catro goles ao Sestao, o seu triunfo máis folgado da tempada. A vitoria permítelles aos celestes volver á zona de play-off de ascenso que habían abandonando a semana pasada.
Foi un segundo tempo redondo do Fortuna. Desde a primeira á última xogada. Porque o segundo acto comezou cun penalti sobre Alfon que transformou Hugo Álvarez cun disparo a media altura e enganando ao porteiro do Sestao.
Co 1-0, o conxunto vasco tivo que dar un paso adiante, abrirse e comezar a deixar espazos, o que achandou o camiño a un filial que mantivo a intensidade e atopou espazos. Ademais, cun ritmo moi superior ao que permitiu o primeiro tempo.
Nese contexto, o segundo tanto non tardou en chegar. Foi nunha boa saída de balón colectiva dos celestes con centro de Raúl Blanco e con remate de cabeza a un Alfon González que foi un quebradeiro de cabeza para a zaga rival. O 3-0 tardou un suspiro en chegar, o tempo que tardou David de la Iglesia, Dela, en inventarse un pase inesperado para que Raúl Blanco metese un balón ao espazo onde Pablo Durán é infalible.
Coa contenda resolta, e no medio dun carrusel de cambios, Dela púxolle a guinda ao reencontro coa vitoria cun gol de bandeira. Un zurdazo desde a frontal que se coou por toda a escuadra.
O perfecto colofón a un partido con pouco fútbol e menos ritmo na primeira metade, porque o equipo vizcaino plantouse en Barreiro coa idea de esperar e saír á contra. Nese acto inicial, o Fortuna tivo o balón e as súas chegadas máis claras foron a través do xogo directo buscando as costas dos centrais ou no balón parado.
Todo puido ser máis fácil, se Raúl Blanco fixera diana no seu primeiro intento, que acabou cun forte disparo ao pau. Foi nunha acción individual cargada de calidade, igual que a protagonizada por Alfon, que cun taconazo sacouse ao defensa de encima e despois non puido culminar a xogada. Manu Fernández tívoo todo a favor no lanzamento dun córner, pero o seu salto foi tan potente como desacompasado. Todo quedou no esquecemento despois do gran segundo tempo. O mellor agasallo a un Claudio Giráldez que estaba de aniversario.
Ficha técnica
4 – Celta Fortuna: Ruly; Javi Rodríguez, Meixús, Manu Fernández, Yoel Lago (Javi Domínguez, min 85), Hugo Álvarez; Damián (Miguel Román, min 77), Dela; Raúl Blanco (Fer López, min 70), Pablo Durán (Dani, min 77) e Alfon (Bruno, min 85).
0 – Sestao: Pere Joan, Carbonell (Ozkoidi, min 74), Antxon, Aranzabe, Gorka Garai, Jon Cabo (Dopi, min 74), Uriarte, Mirapeix, Azkune, Kaxe (Etxeberría, min 74) e Corral (Leandro, min. 62).
Goles: 1-0, min 46: Hugo Álvarez de penalti. 2-0, min 60: Alfon de cabeza. 3-0, min 64: Durán. 4-0, min 89: Dela.
Árbitro: Pérez Hernández (Comité madrileño). Amarelas aos locais Damián e Yoel e aos visitantes Miradieix, Antxon e Ozkoidi.