Giraldez

Claudio Giráldez: «O xusto era gañar holgadamente»

 

O técnico do Fortuna evitou falar da arbitraxe tras a derrota ante a Ponferradina: «Teño moitas cousas que dicir e poucas que queira dicir»

 

 

(La Vos de Galicia) O adestrador do Celta Fortuna, Claudio Giráldez, admitiu tras a derrota ante a Ponferradina coa que abriron a liga que non tiña lóxica que se foran de balde do Toralín. «Hai días que toca perder. Hoxe tocou e non hai explicacións razoables. O xusto era gañar holgadamente polo que pasou no terreo de xogo», analizou.

 

Admitiu o porriñés que non xestionaron ben o tramo desde o 1-0 ata os minutos finais da primeira metade. «A segunda foi un monólogo noso como o era ata o primeiro gol. Pero non entrou, non acertamos e hai que seguir traballando», apuntou. Queda coas boas sensacións, especialmente tendo en conta que se trata dun equipo prácticamente novo en comparación co curso pasado, tese que apoiou con datos: «Da primeira xornada repite un e da última, dúas. Estou contento co que vin, estamos ben en case todo, pero imos sen carga e amola», recoñeceu.

 

Satisfeito co «moi bo nivel colectivo» e a imaxe dada «no campo dun recentemente descendido» de Segunda, comentou que a estas alturas de tempada «non estás do todo fino e fresco e non convertes en ocasións de gol todo o que poderías». Ademais, o equipo local «defendeu ben, atopouse con dous goles e, a partir de aí, é máis sinxelo»; o seu equipo, engadiu, non sufriu apenas ocasións de gol en contra e, pola contra, xerou «moitas».

 

Preguntado pola arbitraxe, Giráldez mordeuse a lingua: «Teño moitas cousas que dicir e poucas que queira dicir. O xoves tivemos unha charla os adestradores da categoría falándonos das mans. Non debo de ser demasiado espabilado, porque non me decatei, vendo o que vin hoxe». A súa intención é facer as menos referencias posibles ao colectivo arbitral: «Vou tentar non falar. Convido á xente a que vexa as estatísticas deste árbitro de vitorias de filiais e visitantes», agregando que «a xente que viu o partido viuno» e prefire non valorar as accións polémicas.

 

Como sempre di, repetiu que «os árbitros ás veces acertan e, outras, fallan», do mesmo xeito que xogadores. «A xente sacou conclusións. Quedo con que cometemos erros nos primeiros goles, interpretamos mal a presión deles en bloque medio. Suxeitáronnos ben , con moito músculo», expuxo os erros vigueses. «En canto atopamos a maneira de protexer, fomos mellores. O árbitro foi educado e entendeu o noso malestar en certos momentos, hai que «aprender», expresou. Moléstalle «especialmente» perder a un xogador, Iván López, «por protestas fóra do campo», no banco cando xa fora relevado.

 

Preguntado pola recentemente estreada capitanía de Raúl Blanco, comentou: «É un xogador ao que coñecemos moito e que nos coñece moito. Leva tempo neste club e tócalle asumir os galóns de capitán, algo que sempre lle quedou lonxe. É o seu prime ano (co brazalete), unha aprendizaxe, creo que estivo ben», dixo. A nivel colectivo, considera que deben estar satisfeitos e pensar no partido que vén, «tentar repetir a imaxe e sacar puntos».

Post a Comment