Pablo Duran

Unionistas 0 – 2 Fortuna: O Fortuna vólvese a mostrar

Os célticos gañan en Salamanca desde a sobriedade defensiva e deixando sinal da súa calidade nos dous goles protagonizados por Raúl e Durán

 

 

 

(La Voz de Galicia) O Celta Fortuna converteuse no primeiro equipo que gaña ó Unionistas de Salamanca no 2024. Fíxoo con claridade, sendo superior nun segundo tempo no que marcou os seus dous goles. Primeiro, nun córner pechado botado por Raúl Blanco que o local Erik terminou de introducir no fondo da rede, e despois, nun lance de tiralíneas que culminou Pablo Durán cun tiro por toda a escuadra. O 0-2 consolida ao filial celeste na zona de play off con catro puntos de marxe sobre o sexto. Os vigueses seguen sendo a particular besta negra dos charros.

 

O primeiro tempo do Reina Sofía tivo moita intensidade e poucas ocasións. O Fortuna puxo a proba a Cacharrón en dúas ocasións, nun disparo de Alfon e outro de Raúl Blanco, e Ruly García só tivo que atrapar un balón impulsado por Serrano que previamente freara un dos charcos cos que tivo que lidiar o cadro celeste no primeiro tempo.

 

Pero á marxe das ocasións, o primeiro tempo tamén estivo marcado polas caídas dos celestes na área rival que o colexiado obviou por completo. Primeiro, foi Alfon quen recibiu o impactou dun defensor tras un preciso servizo de Hugo Álvarez. Pouco despois, foi o ourensán quen foi empuxado con máis newtons dos permitidos (seguindo a teoría de Rafa Benítez) por un defensa, pero o colexiado cántabro tampouco quixo saber nada. Neste primeiro acto, os salmantinos empregáronse con contundencia e Dani González tivo que abandonar o campo lesionado aos 22 minutos.

 

No segundo tempo, o Fortuna fíxose co balón desde o asubío inicial e o Unionistas replegouse en busca dunha contra, pero o único que atoparon os salmantinos foi un aviso de Hugo Álvarez e un gol case olímpico de Raúl Blanco. Porque, axudado polo forte vento, o córner botado polo capitán colleu moita rosca e cando parecía que se metía directo, tocouno un defensa, Erik, para introducilo no fondo da portería.

 

Co 0-1, o Unionistas dobrou a súa aposta polo fútbol directo. Eliminou a liña de creación con pases longos e comezou a encher a área de Ruly cunha chea de centros laterais. Pero o Fortuna resistiu con orde e sen excesivo sufrimento —o maior problema foi unha perda de Pablo Meixús que corrixiu Ruly tirándose aos pés de Rastrojo—. De paso, enviou sinais de perigo cun par de contras envelenadas e nunha delas, aos 78 minutos, chegou o golpe de graza. Nunha xogada de tiralíneas, Fer López asistiu a Pablo Durán e o dianteiro meteu o balón por toda a escuadra.

 

Na recta final, Alfred sacou un disparo axustado para o salmantinos pero foi o equipo de Claudio Giráldez o que puido marcar o terceiro cun balón ao pau de Javi Rueda, que entrou na recta final para xogar no medio campo. O vindeiro sábado, os celestes teñen un duelo directo coa Ponferradina.

 

 

Ficha técnica

 

0 – Unionistas: Cacha, Camus (Ramiro, min 46), Jon Rojo, Erik, Villar, Losada (Teijeira, min 75), Álvaro Gómez (Slavy, min 82), Etxaniz (Rastrojo, min 62), Jordi Tur, Carlos Giménez e Serrano (Alfred, min 75).

2 – Fortuna: Ruly; Javi Rodríguez, Manu Fernández, Yoel Lago, Meixús, Hugo Álvarez (Bruno, min 90); Miguel Román, Dela; Raúl Blanco (Fer López, min 75), Dani González (Pablo Durán, min 22) (Miguel Conde, min 90) e Alfon (Javi Rueda, min 87).

 

GOLES: 0-1, min 53: Erik en propia porta tras un saque dende o curruncho de Raúl. 0-2, min 78: Pablo Durán.

ÁRBITRO: Fuente Martín (Colegio Cántabro). Amarelas a Camus por o bando local e máis a Hugo Álvarez por parte do Fortuna.

 

INCIDENCIAS: Partido da xornada 26 xogado no Reina Sofía.

Post a Comment