O que nunca tivo que pasar
Foto: RCCelta
O que nunca tivo que pasar foi ver ao Celta saltar ao céspede cun once case completamente desprovisto de xogadores da terra. Na tempada pasada, baixo a dirección de Rafa Benítez, atopábamonos cun equipo que perdera a súa esencia, un equipo no que apenas tres galegos –Iván Villar, Kevin Vázquez e o incombustible Iago Aspas– defendían as nosas cores. O que se viviu entón era unha desconexión profunda, un afastamento das raíces que durante décadas definían ao Celta.
O que nunca tivo que pasar foi que o Celta se esquecese de si mesmo. Apostouse por un modelo que priorizaba a forza física, o músculo por encima do talento, e o contragolpe en lugar do control. Pero ese Celta non era o Celta que a afección recoñecía. Era un equipo que, no seu afán por adaptarse a unha idea de fútbol máis moderna e pragmática, distanciouse do que sempre fora: un club con identidade, con alma, con afouteza.
E con todo, o que nunca tivo que pasar, pasou. Pero tamén, como tantas veces ocorre na historia, a vida deu un xiro. Coa chegada de Claudio Giráldez, o Celta empezou a voltar ás súas orixes. O técnico sabe o que significa este clube, o que representa para a súa xente. Aposta por xogadores da casa, por aqueles que creceron respirando o aire de Vigo, por aqueles que senten a camisola como parte da súa pel.
O que nunca tivo que pasar quedou atrás. Hoxe, con Carreira, Carlos Domínguez, Borja Iglesias, Damián e Pablo Durán, o Celta está comenzando a recuperar esa esencia que nunca debeu perder. E xogadores como Javi Rodríguez, canteiráns con ficha do filial pero con corazón de primeiro equipo, son a proba viva de que este Celta está de novo, para o noso parecer, no camiño correcto.
O que nunca tivo que pasar é agora unha lección aprendida. O Celta volve a ser o que sempre tivo que ser: un equipo con identidade, un equipo para un país, con raíces, con xente que sepa o que significa defender esas cores.
Ese espírito, que nunca debeu apagarse, parece que volve a brillar con forza.