Boa viaxe Arsenio. Que a terra che sexa leve
O mundo do fútbol está de loito tras o falecemento de Arsenio Iglesias, «O Bruxo de Arteixo», á idade de 92 anos.
Arsenio Iglesias nace o 24 de decembro de 1930, en Arteixo, A Coruña. Despois de militar en varios equipos, como o Penouqueira, o Ciudad Xardín ou o Bergantiños, ficha polo Fabril, co que unicamente disputa 6 partidos, antes de pasar ao CD Xuvenil, filial do Deportivo. Na tempada 1951-1952, Iglesias tivo a oportunidade de debutar co primeiro equipo en Primeira División nun partido contra o Barcelona no campo de Les Corts. Aínda que gañaron os cataláns por 6-1, o entón dianteiro marcou o gol da honra a Antoni Ramallets. A lenda conta que Arsenio colleu o balón nas mans e díxolle ao soado porteiro: «perdón, señor».
Tras seis tempadas no equipo, ficha polo Sevilla, equipo co que xogaría a Copa de Europa, Granada, Oviedo e Albacete onde se retirou como xogador en 1965.
Un ano despois, regresa ao Deportivo para comezar a súa carreira como adestrador. En 1967 faise cargo do Fabril, ao que dirixe durante tres tempadas e media ata que no Nadal de 1970 toma as rendas do primeiro equipo tras substituír a Roque Olsen. Ao final desa tempada o técnico arteixán conseguiría o seu primeiro éxito como adestrador ao ascender ao equipo a Primeira División. Despois pasou por varios equipos máis, o Hércules, ao que tamén ascendeu, o Zaragoza, co que ascendeu tamén, o Burgos, o Elche, o Almería e o Compos.
Foi na terceira etapa co Deportivo onde «O Bruxo de Arteixo» obtivo os seus maiores éxitos como técnico. Tras 20 anos na categoría de prata, baixo a súa dirección, o equipo logrou o ascenso a Primeira División en 1991, foi subcampión da liga nas tempadas 1993-94 e 1994-95 e gañou a Copa do Rei en 1995. Tamén levou ao equipo a xogar competicións europeas por primeira vez na súa historia.
Tras unha serie de desavinzas co entón presidente, Augusto César Lendoiro, Arsenio Iglesias toma a decisión de deixar o Deportivo de la Coruña ao finalizar a tempada 1995.
En 1996, antes de retirarse definitivamente adestrou ao Real Madrid ao substituír ao técnico arxentino Jorge Valdano.
Entre 2005 e 2008, Iglesias foi seleccionador de Galicia xunto a Fernando Vázquez. Durante a súa etapa á fronte do combinado galego, dirixiu varios partidos amigables contra seleccións nacionais e rexionais.
Arsenio Iglesias foi unha figura moi respectada e un dos grandes adestradores do fútbol galego e español.
Recordarémolo polo estilo de xogo ofensivo dos seis equipos e pola súa capacidade para sacar o mellor dos seus xogadores. A filosofía futbolística que tiña, baseábase no xogo combinativo e na posesión do balón. Os seus equipos eran coñecidos polo seu xogo atractivo e pola súa capacidade para marcar goles. O seu legado perdurará na historia do fútbol.
O Celta de Vigo despídese de Arsenio Iglesias con respecto e admiración

Foto: RFGF
O Celta de Vigo expresou o seu pesar polo falecemento de Arsenio Iglesias e anunciou que unha delegación celeste, encabezada polo vicepresidente Ricardo Barros, desprazarase á Coruña para dar o último adeus e render homenaxe ao ‘bruxo‘ de Arteixo, unha figura emblemática do fútbol galego, na capela ardente instalada no Estadio de Riazor.
Dende O Rincón Celeste tamén nos unimos as condolenzas e queremos enviar todo o noso apoio e agarimo á toda a familia deportivista
Arsenio Iglesias… boa viaxe. Que a terra che sexa leve